Friday 17 de May de 2024

Fene, capital do tapeo durante as tres primeiras fins de semana de maio


O Concello organiza a 13ª edición do Concurso de Tapas, con premios para os mellores petiscos e para o público

Os establecementos que desexen participar poden solicitalo até o 18 de abril a través da Sede Electrónica municipal -obrigatorio se son persoas xurídicas- ou presencialmente no Concello se se trata de persoas físicas

Os establecementos hostaleiros de todo o territorio fenés volverán ter unha oportunidade de lucir as súas habilidades culinarias durante as tres primeiras fins de semana do mes de maio. E é que os venres, sábados e domingos entre o 5 e o 21 de maio vai desenvolverse o XIII Concurso de Tapas, organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo. O certame ten por obxectivo continuar dinamizando o sector co argumento do sabor, a calidade e a aparencia duns petiscos que se servirán ao prezo único de 1,5€. Os bares e restaurantes do municipio que desexen participar deben presentar a súa solicitude o día 18 de abril como moi tarde, algo que poden facer pola sede electrónica (obrigatorio se se trata de persoas xurídicas) ou presencialmente no rexistro municipal. As bases e o formulario encóntranse na web fene.gal.

Ademais de achegar a folla de solicitude, os locais tamén deberán enviar durante o prazo de inscrición unha foto da tapa que vaian presentar ao concurso. A imaxe ten que mandarse ao correo desenvolvemento.local@fene.gal.

O concurso de tapas concentrarase nas fins de semana do 5 ao 21 de maio, con horarios mínimos en que se servirán os petiscos, ampliables polos establecementos. Así, deberán estar dispoñibles para degustación os venres de 20:00 a 22:30h, os sábados de 13:00 a 15:00h e de 20:00 a 22:30h e os domingos de 13:00 a 15:00h.

Nos establecementos participantes poderán obterse os pasaportes “Fenerruta” para ilos selando con cada tapa e entrar no sorteo dunha chea de agasallos, entre eles unha viaxe de tres días en réxime de aloxamento e almorzo ou 9 vales de 100 euros cada un canxeables nos negocios hostaleiros integrados na Asociación comercial O Cruceiro. Ademais, coa Fenerruta o público tamén elixirá por votación o premio á Tapa Popular Creativa e á Tapa Popular Tradicional.

Pola súa banda, un xurado especializado tamén percorrerá os locais hostaleiros para probar as exquisiteces -que han de estar elaboradas artesanalmente e sen materia prima precociñada- facendo a súa propia valoración de acordo con seis aspectos: ingredientes, elaboración, creatividade, sabor, presentación e concepto. Da avaliación sairán os primeiros e segundos premios nos apartados de Tapa Creativa e a Tapa Tradicional, dotados cun trofeo. No caso das ganadoras tamén levarán un cofre VIP de experiencias á carta.

O XIII Concurso de Tapas de Fene está organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo. Na achega de premios colaboran Estrella Galicia, Ecolimpauto, a Asociación de Comercio, Hostalaría e Servizos O Cruceiro, Electro Agro, Bodegas Barral, a Escola de música Bellón-Maceiras, a Imprenta San Esteban, Organiza Turismo y Eventos, Zafiro Tours Fene e a Escola de cociña Icook. Esta última firma, situada en Perlío, incluso lles ofrece asesoramento gratuíto aos establecementos para axudarlles a concibir a súa tapa antes de formalizaren a inscrición.

Para calquera consulta ao respecto do desenvolvemento do concurso, os locais poden dirixirse á Axente de Emprego e Desenvolvemento local en horario de mañá de luns a venres no 981 492 767.